VIII Festival Músicas Contemplativas

 

[ver folleto]  [entradas]

 

 

 

As sete últimas palabras de Cristo na Cruz  


REAL FILHARMONÍA DE GALICIA

PAUL DOMBRECHT_ óboe/director

OBRAS_ Haydn e Rietz

 

Camiño de converterse nun clásico do festival, a Real Filharmonía de Galicia inaugura Músicas Contemplativas 2014 interpretando As sete últimas palabras de Cristo na Cruz, unha singular composición relixiosa encargada dende Cádiz ao gran Joseph Haydn, o pai do Clasicismo. A orquestra compostelá estará dirixida polo oboísta e director belga Paul Dombrecht, un recoñecido especialista na interpretación historicista con instrumentos de época.

 

 

O son de Benarés  


TAPANGROUP

PANDIT RONU MAJUMDAR_ bansuri

TAPAN BHATTACHARYA_ táboa

 

Especializado na música clásica do norte da India, Tapangroup está formado por profesionais cun profundo coñecemento, tanto da tradición musical da India como da fusión. Tapan Bhattacharya preséntanos o seu novo traballo discográfico (Benares duani) xunto a un dos intérpretes de bansuri máis prestixiosos da actualidade, Pandit Ronu Majumdar. A súa capacidade para a improvisación combinada con paixón, imaxinación e brillantez técnica, lévanos a unha viaxe musical chea de sensacións.

 

 

Himno a San Francisco  


BANDA MUNICIPAL DE MÚSICA

JUAN MIGUEL ROMERO_ director

DAVID A. MACEIRA_ órgano

OBRAS_ Bach, Van der Roost, Albinoni, Gounod, Saint-Saëns, Haendel, García i Soler, Pérez García e Busca de Sagastizábal


A temática sacra foi sempre fonte de inspiración para os máis ilustres compositores, que escribiron ao longo da historia para este xénero musical. A Banda Municipal de Santiago busca neste concerto unha perspectiva diferente, con adaptacións destas obras e outras composicións orixinais para banda de música, incluíndo algúns exemplos dun xénero patrimonial das bandas en Semana Santa (as marchas procesionais) e a estrea da versión para banda e órgano dun himno a San Francisco.



OperSuite, improvisación libre en 3 actos  


ALEJANDRO VARGAS_ piano
L.A.R. LEGIDO_ batería/obxectos sonoros

 

Alejandro Vargas (piano) e L.A.R. Legido (batería e obxectos sonoros) abordan diferentes temáticas do free jazz e da música clásica e contemporánea aproveitando ao máximo todas as posibilidades do son como principal ferramenta. Este dúo de improvisación libre desenvolveu esta linguaxe a través da performance, creando música para ver e escoitar, chea de cores, e somerxen o público en novos mundos acústicos.

 

 

 

 

Stabat Mater, Pergolesi  


ESCOLANÍA DA CATEDRAL DE SANTIAGO
“ÁNGELES DE COMPOSTELA”
RESONET
MERCEDES HERNÁNDEZ_ soprano
MARÍA ALTADILL_ mezzosoprano
JOSÉ LUIS VÁZQUEZ
FERNANDO REYES_ dirección


Pergolesi e o Stabat Mater máis famoso: órgano e arquilaúde acompañan ás voces nesta primeira colaboración do grupo especializado en música antiga compostelán Resonet coa Escolanía da Catedral de Santiago, nunha versión que non ten nada de orixinal, pero moito de infrecuente…

 

 

Cantatas de Bach  


REAL FILHARMONÍA DE GALICIA
STEPHAN LOGES_ barítono
CAPELA COMPOSTELANA
MAXIMINO ZUMALAVE_ director

 

A orquestra compostelá Real Filharmonía de Galicia propón un programa de cantatas sacras dun dos grandes mestres do Barroco e en concreto deste xénero, Johann Sebastian Bach. A igrexa monástica de San Paio de Antealtares será o marco para a interpretación de dúas das máis coñecidas e fermosas cantatas para baixo do Cantor de Leipzig, as número 56 e 82, que cantará o barítono xermano-británico Stephan Loges.

 

 

Ladaíñas de Xapón  

a meditación entre o silencio e o caos sonoro

HARUNA TAKEBE_ piano
OBRAS_ Ichiyanagi, Takemitsu, Hosokawa e Ishii

 

Música para piano dos compositores máis significativos e representativos de Xapón do século XX e da actualidade. Ladaíñas de Xapón presenta pezas feitas dende a perspectiva observadora e reflexiva que manifestan a dualidade característica deste país: a do Xapón tradicional e a do Xapón moderno. Dous modos de vida e dúas velocidades que cohabitan e interaccionan. Con Ladaíñas de Xapón, a pianista xaponesa afincada en Compostela Haruna Takebe propón a meditación a través tanto do silencio coma do caos sonoro…

 

 

Sonatas do Rosario  


Biber e os misterios dolorosos, gozosos e gloriosos  

LES PLAISIRS DU PARNASSE
DAVID PLANTIER_ violín e dirección

 

“De todos os violinistas do pasado século (XVII), Biber parece ter sido o mellor, e os seus solos son os máis difíciles e imaxinativos de todos os que vin na época” (Charles Burney). Heinrich Ignaz Franz von Biber era coñecido como virtuoso do violín, para o que compuxo excelentes páxinas entre as que destacan, sobre todas, as sonatas do Santo Rosario (Rosenkranzsonaten) que Les Plaisirs du Parnasse interpretará intercalando fermosas pezas de autores coetáneos como Domenico Gabrielli, Giovanni Battista degli Antonii, Bach ou Vilsmayr.

 


Sonata para clave, modernidade camiño do século XXI  


LUCIE ZÁKOVÁ_ clave
OBRAS_ Gemrot, Françaix, Teml, Martinú, Eben, Nan, Ligeti

 

As posibilidades sonoras do clave, instrumento imprescindible do Barroco, non correron a sorte das modas pasaxeiras. A súa cor inconfundible é aínda hoxe fonte de inspiración para a creación musical sen deixar en ningún momento o sabor de boca do anacronismo. O programa seleccionado pola clavecinista checa Lucie Záková evidencia a estreita conexión entre o pasado e o presente dun instrumento que nos descobre dende unha nova perspectiva estilística.

 

 

Da Coresma á Paixón  


mestres da capela da  Catedral de Santiago
CORO DE CÁMARA DO ORFEÓN TERRA A NOSA
MIRO MOREIRA_ director
OBRAS_ Diego Muelas e Pedro Rodrigo

 

O compostelán Coro de Cámara do Orfeón Terra A Nosa e o seu director Miro Moreira seleccionaron obras musicais da Coresma, trátase da misa de “Feiras” e motetes compostos na primeira metade do século XVIII por dous destacados mestres de capela da Catedral de Santiago: Diego Muelas e Pedro Rodrigo. Completan o seu programa varias obras gregorianas tamén propias do tempo de Coresma.

 


La scala dell’amore: a tradición siciliana  


MATILDE POLITI
MATILDE POLITI_ voz, guitarra, tamburello
SIMONA DI GREGORIO_ voz, organetto, arpa hebrea, tamburello

 

A busca da “comuñón” na música tradicional siciliana, entre o sacro e o popular, explorando territorios de investigación espiritual común a todos os pobos, conduciu a Matilde Politi a un proxecto baseado na potencia expresiva e evocadora da súa voz. Coa vocalidade como protagonista e o son dos instrumentos da tradición siciliana (guitarra, organetto e tamburello), Matilde Politi é capaz de transitar entre mundos sonoros coñecidos e insólitos…

 

 

Rexistro partido, rexistro compartido  


recital de órgano a catro mans
CARLOS ARTURO GUERRA PARRA_ órgano
LUCIE ZÁKOVÁ_ órgano
OBRAS_ Tomkins, Cabezón, Couperin, Dandrieu, J.C. Bach, Mestres, Daquin, Mozart, Cabanilles

 

De entre todos os instrumentos, o máis soberbio en tamaño, sofisticación e sonoridade foi, dende o Barroco ata os nosos días, o órgano. Dous organistas, o español Carlos Arturo Guerra e a checa Lucie Záková, séntanse xuntos ante o fermoso órgano da Igrexa da Universidade para amosarnos a capacidade polifónica e a ductilidade dos órganos do Barroco ibérico. O feito de ser tocados a catro mans dota ao instrumento de novas e sorprendentes posibilidades sonoras.

 

 

Honkyoku, 500 anos de tradición zen  


RODRIGO RODRÍGUEZ_ shakuhachi

 

Rodrigo Rodríguez preséntanos o shakuhachi, unha frauta xaponesa que, a diferenza da tradicional frauta traveseira, se suxeita verticalmente como unha frauta doce. Austeras e meditativas na súa natureza, estas pezas honkyoku foron compostas anonimamente e transmitidas oralmente polos monxes budistas Zen en Xapón, dende hai máis de 500 anos.

 

 

 

 

 

 

O galeón do Pacífico  


cantos misionais e populares de Filipinas, Perú, Bolivia, Chile, Paraguai e Guatemala
LINA MARCELA LÓPEZ_ soprano
MANUEL VILAS_ arpas barroca e chiquitana

 

No século XVI comezaron as viaxes marítimas que as naves españolas realizaban entre Manila e os portos de Nova España (México). Estas naves, que saían unha ou dúas veces ao ano, denominábanse “Galeón de Manila” e atravesaban todo o océano Pacífico. Inspirado polas viaxes destes galeóns este concerto ofrece un repaso moi particular pola música do século XVIII dalgúns dos países bañados por tan xigantesco océano: Filipinas, Perú, Bolivia, Chile, Paraguai e Guatemala.

 

 

Poesía sagrada na música de Kabul  


KHALED ARMAN & ENSEMBLE KABUL

 

O Ensemble Kabul mostra un profundo respecto pola herdanza musical de Afganistán, incluíndo as variadas influencias que foron asimiladas ao longo dos séculos, ao tempo que manteñen o seu propio carácter individual. O seu repertorio parte da herdanza clásica e folclórica de distintas rexións de Afganistán e susténtase nos coidadosos arranxos musicais de Khaled Arman, na mestría dos seus músicos e no peculiar son do Ensemble Kabul. 

 

 

 

Shostakovich en clave sinfónica  


ORQUESTRA NOVA DA SINFÓNICA DE GALICIA
ORQUESTRA DE NENOS DA SINFÓNICA DE GALICIA
NENOS CANTORES DA SINFÓNICA DE GALICIA
LUKA HAUSER_ piano
JAMES ROSS_ director
OBRAS_ Shostakovich, Bach e Buide

 

Convertido xa nun dos proxectos didácticos máis sólidos e orixinais do panorama musical español, a Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia mostrará, no peche do festival, o resultado do seu último encontro orquestral conducido polo experimentado director norteamericano James Ross. Unha sinfonía de Shostakovich, a décima, é a obra central dunha ambiciosa iniciativa formativa na que tamén participan a orquestra de nenos e os nenos cantores da orquestra coruñesa.

 



Entrada gratuíta previa recollida de invitación *

• No despacho de billetes do Teatro Principal (Rúa Nova, 21) de 18.00 a 21.00 h, de martes a sábado (do 26 de marzo ao 10 de abril)

• A partir do 11 de abril: 17.00-21.00 h

• 1 hora antes do inicio de cada concerto no lugar de celebración do mesmo

   * agás Auditorio de Galicia:

   _ Venres 11 abril (12 euros, entradas/novagaliciabanco.es, 902434443)

   _ Domingo 20 abril (3 euros / abonados-as Auditorio de Galicia, gratis)

   Despacho de billetes Auditorio de Galicia (o día do concerto, a partir das 18.00 h)

   * agás Banda Municipal de Música (Igrexa San Francisco, sábado 12 abril): entrada libre ata completar o aforo

Invitación válida ata 10 minutos antes do inicio do concerto (a organización resérvase o dereito de utilizar as localidades non ocupadas polo público 10 minutos antes da hora de inicio do concerto)

 

 

 

 

 

 

 



Documentos relacionados: