Cultura e Patrimonio

A política cultural do Consorcio de Santiago está intimamente ligada ao resto das políticas públicas de rehabilitación e conservación do patrimonio da Cidade Histórica. Santiago é unha urbe histórica cun pasado moi significativo, que atesoura unha vida cultural inmaterial equiparable á riqueza do seu patrimonio arquitectónico e urbanístico.

Neste sentido, o Consorcio de Santiago realizou nos últimos anos unha serie de eventos únicos, ademais da propia creación e xestión da Real Filharmonía de Galicia e a Escola de Altos Estudos Musicais, tanto no campo da música, como no da ciencia ou no marco das exposicións. Tal é o caso do Festival de Músicas Contemplativas e do Compostela Organum Festival en distintas igrexas da cidade; o programa Conciencia, que se desenvolve xunto coa Universidade de Santiago de Compostela e que leva ligado o Premio Fonseca de divulgación científica, así como as exposicións organizadas.