Inaugúrase o Centro Nacional de Formación de Referencia en Materia de Rehabilitación

martes, 11 Xullo, 2017

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o alcade de Santiago e presidente do Consorcio da Cidade, Martiño Noriega, inauguraron esta mañá o Centro Nacional de Formación de Referencia en Materia de Rehabilitación. Situado na antiga fábrica de curtidos de Pontepedriña de Arriba, será pioneiro na Península Ibérica.

 

O centro está promovido pola Fundación Laboral da Construción, en colaboración co Consorcio de Santiago (que ademais elaborou o proxecto e dirixiu as obras), e conta co apoio do Concello de Santiago e a Xunta de Galicia. Destinarase á formación especializada e á reciclaxe no eido da rehabilitación de traballadores e empresas da construción. Está considerado polos especialistas como unha ferramenta extraordinaria para o desenvolvemento de políticas activas de formación e emprego no sector da construción.

 

O centro contribuirá a dinamizar a transformación que está a vivir o sector, en particular no relativo á modernización de estruturas empresariais e cualificación de traballadores, favorecendo a creación de pequenas e medianas empresas especializadas nesta área de negocio do sector da construción, en grande expansión e potencialmente xeradora de emprego cualificado e estable. Así mesmo, debe entenderse como unha ferramenta moi poderosa para impulsar a colaboración público-privada ao servizo da recuperación da cidade histórica de Santiago, Patrimonio da Humanidade dende 1985.

 

Rehabilitación das edificacións existentes e construción de novas naves

 

Debido a que se trata dun proxecto ambicioso, as obras dividíronse en actuacións de rehabilitación (con dúas fases diferenciadas) e as de nova construción de edificacións.

 

As naves de nova construcción, destinadas a obradoiros, foron acometidas pola Fundación Laboral da Construción co apoio da Xunta de Galicia. No relativo á rehabilitación, o investimento realizouse con financiamento do Consorcio de Santiago. Na primeira fase rehabilitáronse algunhas das edificacións da antiga fábrica de curtidos, e colocouse a cuberta a todas para garantir a conservación do conxunto. Na segunda fase rehabilitáronse as edificacións existentes; que se destinarán a aulas, oficinas, salón de actos, despachos de profesores e arquivo.

 

A Fundación espera formar a máis de 2.000 traballadores da construción cada ano.