O Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións presentan un libro que descubre as cúpulas ocultas do patrimonio arquitectónico compostelán

“Las cúpulas (ocultas) de Compostela”
martes, 3 Novembro, 2026

O Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións presentaron o martes 3 de novembro, na capela do Cristo da igrexa de Santa María de Conxo, a publicación “Las cúpulas (ocultas) de Compostela”, de José Mª S. Sanmartín Míguez, pertencente á Biblioteca de Divulgación do Consorcio de Santiago.

 

Na presentación, o autor estivo acompañado por Goretti Sanmartín Rei, alcaldesa de Santiago e presidenta do Consorcio de Santiago; José Antonio Domínguez Varela, xerente do Consorcio de Santiago; José Luis Teófilo Piñeiro, director de Teófilo Edicións; e Juan Conde Roa, responsable de publicacións do Consorcio de Santiago.

 

A publicación “Las cúpulas (ocultas) de Compostela” propón descubrir unha parte do patrimonio arquitectónico de Santiago que, malia formar parte do seu perfil urbano, adoita pasar inadvertida. A través dun percorrido por 31 cúpulas, descritas con detalle e ordenadas cronoloxicamente, a obra permite coñecer estes elementos e achegarse ás distintas eleccións estéticas dos artistas e promotores que contribuíron a configurar a arquitectura da cidade.

 

O libro recolle cúpulas de diferentes edificios composteláns, entre eles a Catedral, o convento de San Domingos de Bonaval, o mosteiro de San Martiño Pinario, a igrexa do convento de Santa Clara, o mosteiro de San Paio de Antealtares e a igrexa das Orfas. Tamén inclúe a cúpula do Pazo de Raxoi, a única situada nun edificio civil, e a da capela do Cristo de Santa María de Conxo, onde tivo lugar a presentación.

 

A obra ofrece a posibilidade de observar detalles arquitectónicos difíciles de apreciar nun percorrido cotián por Compostela. A publicación invita así a contemplar a cidade desde unha perspectiva diferente, prestando atención ás estruturas que coroan os seus edificios e que contribúen a definir a súa identidade arquitectónica.

 

Unha guía para descubrir outra dimensión de Compostela


A alcaldesa de Santiago e presidenta do Consorcio, Goretti Sanmartín Rei, destacou o valor da publicación como unha guía para descubrir espazos e detalles do patrimonio compostelán que adoitan pasar inadvertidos. Así, sinalou que “pode converterse nunha magnífica guía para quen queira coñecer outra dimensión da cidade”, xa que non conduce unicamente aos monumentos máis coñecidos, senón que convida a descubrir o que se agocha no seu interior e a comprender mellor a historia que cada un deles conserva.

 

Sobre o autor

 

José Mª S. Sanmartín Míguez é doutor en Farmacia, historiador e membro correspondente da Real Academia de Farmacia de Galicia. Publicou máis dunha decena de libros relacionados coa historia da ciencia, entre os que destacan “Monjes y Boticarios, La Botica del Hospital Real de Santiago de Compostela (1499-1880)” e “La farmacia en el Camino de Santiago”. Tamén participou como editor e coordinador en distintas publicacións especializadas. Nos últimos anos, a súa actividade investigadora centrouse no estudo da tauromaquia, coa publicación do libro “Historia de la Tauromaquia en Galicia”, e na historia e o patrimonio arquitectónico compostelán, que se reflicte nesta nova publicación, “Las cúpulas (ocultas) de Compostela”.