O Consorcio de Santiago adxudica o contrato para a intervención na Facultade de Xeografía e Historia

Fotografía da Facultade de Xeografía e Historia
mércores, 3 Decembro, 2025

O Consorcio de Santiago publicou este 3 de decembro na Plataforma de Contratación do Estado a adxudicación da licitación para levar a cabo unha intervención na Facultade de Xeografía e Historia, en concreto para a restauración, conservación e limpeza das fachadas este e sur do claustro, así como para executar as obras necesarias para a habilitación dun espazo na planta baixa do inmoble para o depósito de publicacións periódicas da biblioteca do centro.

 

A adxudicataria é a empresa CYS HISPANIA S.L., que acometera as actuacións nun prazo de 6 meses con un importe de 356.366,02 € (con IVA), coa dirección facultativa da Área de Arquitectura e Urbanismo da Universidade de Santiago de Compostela. Debido a que os espazos nos que se intervirá contan con accesos a través das zonas exteriores e interiores de circulación xeral do edificio, as obras acometeranse sen entorpecer as actividade do persoal e alumnos da Facultade.

 

Actuacións a acometer

 

As labores previstas nas fachadas sur e este do claustro, nas que se intervirá unicamente nas fábricas pétreas, teñen como obxectivo a restauración, conservación e limpeza para deter e estabilizar os procesos de alteración dos paramentos pétreos, provocados pola degradación biolóxica, ambiental, construtiva e antrópica, así como emendar os danos máis relevantes.

 

Por outro lado, a intervención interior ten como obxectivo dispoñer dun espazo propio na Facultade de Xeografía e Historia para depositar os fondos das publicacións periódicas da biblioteca do centro, que actualmente e desde setembro de 2024 atópanse na cafetería da Facultade. En xaneiro de 2025, a Universidade de Santiago de Compostela recibiu unha subvención directa do Consorcio de Santiago para acometer as intervencións de reforma e rehabilitación necesarias para a habilitación deste novo espazo, grazas ao incremento das aportacións das administracións consorciadas (Administración Xeral do Estado, Xunta de Galicia e Concello de Santiago de Compostela) nos orzamentos de 2025 do Consorcio de Santiago.

 

As obras previstas na reforma interior consisten na demolición de tabiques, falsos teitos e carpintería interior para acondicionar un despacho e un local para depósito de publicacións; renovando as instalacións de electricidade, datos e protección de incendios, con repasos nos pavimentos e pintado de paramentos.