Licítanse as obras de reparación do tellado da igrexa de San Agustín

venres, 22 Xullo, 2016

O Consorcio de Santiago acaba de sacar a concurso a obra de reparación do tellado da igrexa de San Agustín, por un importe global de 83.747,61 euros. O prazo de execución desta actuación estímase en tres meses. As empresas interesadas teñen ata o 17 de agosto para presentar as súas ofertas.

 

Tal como indica o arquitecto do Consorcio responsable deste proxecto, Pablo Tomé, “aínda que o estado do tellado en xeral é bo, unha vista máis detallada do mesmo fainos apreciar diferentes problemas da tella en diversas partes da cuberta, o mal estado do chumbo que reviste o remate da torre sur, ademais do mal estado de dúas limas de ferro (canle de chapa que se fai no encontro de dous planos con tellas) da nave principal”.

 

O arquitecto sinala que hai dúas razóns fundamentais para levar a cabo esta obra con certa urxencia. Por un lado, salienta o risco de caída de tellas á rúa, co consecuente perigo para os viandantes. E, polo outro, lembra a recente caída dunha parte do revestimento do chumbo do remate da torre sur.

 

As intervencións propostas

 

Entre as intervencións que se van realizar para solventar os problemas que presenta a cuberta da igrexa de San Agustín está a recolocación da tella, levantada en diferentes partes do amplo tellado, substituíndo as pezas que se atopen en mal estado. Ademais, recolocaranse as pranchas de fibrocemento sobre as que se asenta o mesmo, xa que están lixeiramente desprazadas en varios puntos. Tamén se restaurará o remate da torre sur co levantado do chumbo que a reviste, ao tempo que se renovarán dúas limas de ferro. E a estrutura metálica da cuberta limparase e logo pintarase con pintura antióxido.

 

Tal como informan dende a Oficina Técnica do Consorcio de Santiago, para levar a cabo estas obras instalaranse andamios nas fachadas da Praza de Abastos, na rúa da Virxe da Cerca e no tellado do cruceiro da igrexa.

 

As primeiras reformas na igrexa datan de 1917

 

As obras de construción da actual igrexa comezaron no ano 1633, apadriñadas polo Conde de Altamira, de acordo coa comunidade agostiña. O novo templo viña a completar o recinto conventual da orde, que se comezara a construír en 1618.

 

En 1916 o cardeal J. M. Martín de Herrera concedeulles aos xesuítas “o uso perpetuo e independente” da igrexa de San Agustín. A principios de 1917 o Concello concédelles licencia de edificación para rasgar dous ocos de luz na fachada do templo. O 8 de abril dese ano bendeciuse a nova igrexa e celebrouse a primeira misa. O arquitecto xesuíta Pedro Basterra fixo os planos desta reforma e supervisou as obras. O coro reduciuse á metade; suprimíronse as tribunas que había sobre as capelas, que quedaron con libre comunicación entre si, o cal estaba antes impedido polos seus altares; e, en lugar dunha escaleira de madeira que había para subir ao coro, fíxose outra de cemento ao outro lado e abríronse os ventanais actuais no muro de mediodía.