Consolídase o muro da Selva Negra, que presentaba risco de desprendemento

luns, 13 Xullo, 2020

O Consorcio de Santiago rematou a intervención no muro sur do parque forestal da coñecida como Selva Negra, unha zona verde situada no monte Pedroso, propiedade do organismo interadministrativo e xestionada polo Concello de Santiago. O muro presentaba risco inminente de desprendemento sobre a estrada DP-7803 Santiago-Figueiras, polo que se procedeu á súa consolidación. A intervención, executada pola empresa Alpanide, supuxo un investimento de 7.933,56 euros. 

 

O responsable deste proxecto é o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago Ángel Panero. Explica que “se levou a cabo a talla e tamén o traslado de varias árbores adosadas ao muro, ao tempo que se rebaixou o talúde. Tamén se realizou o remate do muro na súa parte frontal de desprendementos, aparellando con mampostería e dobrando o muro cara ao talúde, de xeito que se eviten futuros desprendementos”. O arquitecto manifesta que “desgraciadamente non houbo máis remedio que tallar algunhas árbores ante o risco inminente de caída sobre a estrada”.

 

Tal como indica o arquitecto, nas zonas do muro que se comprobaron estables inxectouse cal hidráulica natural e árido fino. E, unha vez consolidado o interior do muro, practicáronse na base uns trades para insertar un tubo de pvc perforado, de xeito que actúe como drenaxe e evacuación da carga hidráulica que poida acumularse no muro.

 

O parque singular da Selva Negra

 

A Selva Negra é o parque máis singular e que conserva máis árbores autóctonas dos que configuran o sistema de parques naturais do Monte Pedroso, xunto á Granxa do Xesto e o propio Pedroso, propiedade do Concello. Ocupa 22 hectáreas e foi adquirida polo Consorcio en 2007. Este magnífico parque da natureza constitúe unha zona natural que se caracteriza pola existencia dunha carballeira de exemplares de gran porte que rodea unhas 2 hectáreas de prado.