A cámara escura da Casa do Cabido funcionará entre o 12 e o 18 de febreiro

xoves, 15 Xaneiro, 2015

O Consorcio de Santiago convida a todos os cidadáns e visitantes a asistir a un curioso espectáculo na Casa do Cabido, na Praza das Praterías. Na segunda planta do edificio os interesados terán a oportunidade de ver, en total escuridade, a imaxe da Torre do Reloxo da Catedral proxectada de xeito invertido nas paredes do interior do inmoble. Será dende o 12 ata o 18 de febreiro, agás o luns día 16, xa que a Casa do Cabido permanece pechada como é habitual.

 

As cámaras escuras representan a orixe da fotografía e o cine

 

En 2011 o Consorcio rehabilitou a Casa do Cabido, que se adaptou para o seu novo uso cultural. Daquela, a orientación norte da súa fachada e a distancia desta co muro paralelo da parede medianeira posterior inspirou a idea de converter as diferentes salas do edificio en cámaras escuras, que representan a orixe da fotografía e do cine. O deseño das contraventás de madeira permite a escuridade total interior, de xeito que, a través de minúsculos orificios, nas salas penetran os raios reflectidos coa imaxe do fluír da Praza das Praterías, a fachada da Catedral e a Torre Berenguela; proxectándose invertidas sobre a parede medianeira.

 

O efecto “cámara escura” recreado na Casa do Cabido permite experimentar a sensación de estar no interior dunha cámara fotográfica. E ofrece momentos máxicos coa proxección do fascinante escenario urbano da Praza das Praterías sobre as paredes interiores do edificio. 

 

Poderase gozar deste espectáculo no horario habitual da Casa do Cabido, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e o domingo de 11:00 a 14:00 horas. O luns está pechada.