Axudas á rehabilitación de madeira e reixas nos inmobles da cidade histórica

xoves, 12 Maio, 2016

O Consorcio de Santiago vai destinar 150.000 euros en axudas para a rehabilitación de carpinterías de madeira e reixas dos inmobles situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica. Con esta iniciativa búscase mellorar a eficiencia enerxética das vivendas, co consecuente aforro económico para os cidadáns, xunto co seu illamento acústico. 

 

Os propietarios interesados en concorrer a esta convocatoria deberán presentar as solicitudes e a documentación pertinente no rexistro do Consorcio ou en calquera outro rexistro. A data límite é o día 18 de maio. Para consultar dúbidas, deberán acudir ás dependencias da Oficina Técnica do Consorcio, situada no número 59 da Rúa do Vilar.

 

Estas axudas están destinadas a fomentar a rehabilitación, restauración ou reposición daqueles elementos especiais e de interese arquitectónico de madeira como galerías, ventás e portas de entrada aos edificios; e promover a restauración das reixas e pezas de ferro existentes en portais, ventás e balcóns. Tamén se inclúe a reparación das pedras de soporte deterioradas e das unións aos muros por medio de enchumbados.

 

Requisitos para acceder ás axudas

 

Poderán beneficiarse destas axudas as persoas propietarias, arrendatarias ou aquelas que ostenten algún dereito de uso sobre os inmobles; e as comunidades de propietarios. Os inmobles deberán reunir as condicións suficientes de seguridade estrutural e ser estancos fronte á chuvia, ademais de ter unha antigüidade superior aos 20 anos.

 

O nivel de ingresos da unidade de convivencia adquire unha especial relevancia nesta convocatoria á hora de avaliar as solicitudes. Ademais, primarase a incorporación de novos solicitantes, así como a superficie en metros cadrados de carpinterías de madeira ou de reixas. Valorarase o nivel de catalogación ou de interese arquitectónico do edificio ou vivenda e dos elementos singulares sobre os que se actúe. E, por último, darase preferencia aos inmobles destinados a vivenda e con ocupación permanente.

 

Documentos relacionados: