
O vindeiro domingo 26 de outubro será o derradeiro día no que se poderá visitar a exposición "Tras a pegada das musas", que recolle na Casa do Cabido obras da artista plástica compostelá María Eiras, de nome artístico Mareiras. Esta mostra pode visitarse de balde en horario de 10:00 h a 14:00 h e de 17:00 h a 21:00 h de martes a sábado, e o domingo de 11:00 h a 14:00 h.
Ademais, o xoves 23 de outubro de 18:00h a 20:00h terá lugar a última sesión de pintura en vivo da exposición, unha iniciativa na cal Mareiras pinta en directo nas dependencias da Casa do Cabido, as veces acompañada por un modelo, coa intención de dar ao público a posibilidade de contemplar en tempo real o proceso creativo da artista. Nesta última sesión asinará os cadros realizados ao longo da mostra.
Tras a pegada das musas
Na exposición "Tras a pegada das musas", Mareiras e o Consorcio de Santiago invitan aos asistentes a realizar un percorrido expositivo que fala de oito mulleres artistas cunha creatividade poderosa e singular: a condesa Oldini, Isabel Rawsthorne, Suzanne Valadon, Bella Chagall, Lidia Delectorskaya, Teresa Arijón, Celia Paul e Ethel Warwick. Ademais, Mareiras inclúe a súa propia musa masculina, Fausto. Deste xeito, a artista rompe co discurso artístico hexemónico e reivindica a posibilidade de que os homes encarnen o papel de musa.
Inspirada polo libro "A muller pintada" de Teresa Arijón, a intención das obras de Mareiras é revalorizar os nomes destas grandes creadoras, devolvéndolles o lugar na historia que se merecen e que o relato canónico lles negou.
Mareiras
María Eiras, de nome artístico Mareiras, é unha artista plástica e directora de "Mareiras Espacio de Arte", ubicado na rúa do Preguntoiro en Santiago de Compostela.
Mareiras ten participado en numerosas instalacións, exposicións individuais e colectivas e publicacións desde o 2011. En 2024, a súa instalación “Herba de namorar” foi seleccionada na Mostra de Arte Contemporánea de Ponte de Lima (Portugal), e foi exposta no MUTE (Museo dos Terceiros). No mesmo ano inaugurou a súa exposición “Viriditas” nos espazos comúns del Gran Hotel Los Abetos de Compostela. No 2020 participou na exposición colectiva "Des-facendo o xénero (a través da arte)" na Casa do Cabido de Compostela, organizada polo Consorcio de Santiago e comisariada por Ana Castro, a propia María Eiras e Begoña Álvarez Seijo que é a autora dos textos que acompañan á exposición inaugurada na Casa do Cabido.