
A artista plástica compostelá María Eiras, de nome artístico Mareiras, pintará en directo nas dependencias da Casa do Cabido, que actualmente acolle a exposición "Tras a pegada das musas", un cadro de grande formato, nunha acción coa que se busca reivindicar o papel da muller como creadora, máis alá do tradicional de musa ou pupila.
Estas accións faranse ao longo da exposición, que ten como data de peche finais de outubro, e permitirán ao público a posibilidade de contemplar en tempo real o proceso creativo da artista.
A primeira destas sesións terá lugar o xoves 12 de xuño de 18h a 20h, na cal Mareiras comezará a pintar o fondo do cadro. A seguinte, o martes 24 de xuño tamén de 18h a 20h, contará cun modelo, a súa musa masculina Fausto, ao cal retratará en vivo. Estas accións son de balde e non precisan de inscrición previa.
Na mostra “Tras a pegada das musas”, Mareiras e o Consorcio de Santiago invitan aos asistentes a realizar un percorrido expositivo que fala de oito mulleres artistas cunha creatividade poderosa e singular: a condesa Oldoini, Isabel Rawsthorne, Suzanne Valadon, Bella Chagall, Lydia Delectorskaya, Teresa Arijón, Celia Paul e Ethel Warwick. Deste xeito, a exposición trata recuperar e revalorizar as mulleres creadoras a través das obras de Mareiras, ofrecendo unha alternativa para reescribir e dar un novo significado aos modelos de musa e artista.
A exposición, con acceso de balde, está aberta en horario de martes a sábados de 10:00 h a 14:00 h e de 17:00 a 21:00h e domingos de 11:00 h a 14:00 h.
Mareiras
María Eiras, de nome artístico Mareiras, é unha artista plástica e directora de "Mareiras Espacio de Arte", ubicado na rúa do Preguntoiro en Santiago de Compostela.
Mareiras ten participado en numerosas instalacións, exposicións individuais e colectivas e publicacións desde o 2011. En 2024, a súa instalación “Herba de namorar” foi seleccionada na Mostra de Arte Contemporánea de Ponte de Lima (Portugal), e foi exposta no MUTE (Museo dos Terceiros). No mesmo ano inaugurou a súa exposición “Viriditas” nos espazos comúns del Gran Hotel Los Abetos de Compostela. No 2020 participou na exposición colectiva "Des-facendo o xénero (a través da arte)" na Casa do Cabido de Compostela, organizada polo Consorcio de Santiago e comisariada por Ana Castro, a propia María Eiras e Begoña Álvarez Seijo que é a autora dos textos que acompañan á exposición inaugurada na Casa do Cabido.
A súa obra atópase na biblioteca da Cidade da Cultura (proxecto Inside), na Fundación Eugenio de Almeida (Portugal), na colección permanente do Casino de Compostela, na Xunta de Galicia (Consellería de Política Lingüística) e na colección de diversas empresas galegas, así como en múltiples coleccións particulares.