
O Concello de Santiago, o Consorcio e a Fundación Laboral da Construción veñen de asinar un convenio de colaboración para desenvolver no municipio o proxecto territorial do programa experiencial de formación e emprego “RenÓbrate”. O acordo foi asinado pola alcaldesa de Santiago e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín Rei; o xerente do Consorcio de Santiago, José Antonio Domínguez Varela; e o xerente do Consello Territorial de Galicia da Fundación Laboral da Construción, Fernando García Novo.
O programa, cunha duración de nove meses, está dirixido a persoas desempregadas maiores de 18 anos inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia. No caso de Santiago de Compostela, a iniciativa contempla a formación de 20 alumnos e alumnas no oficio da cantería, vinculado á restauración e rehabilitación do patrimonio. As persoas participantes serán contratadas pola Fundación Laboral da Construción mediante contratos de formación en alternancia, que lles permitirán combinar a aprendizaxe teórica co traballo práctico.
O Consorcio de Santiago achegará 71.000 euros para financiar os materiais, a maquinaria e os medios auxiliares necesarios para desenvolver as actuacións que non estean cubertos polo financiamento principal do programa. Ademais, achegará o seu coñecemento técnico e experiencia na conservación do patrimonio da cidade e asumirá, cando proceda, a dirección facultativa das obras e a coordinación de seguridade e saúde.
Pola súa banda, o Concello de Santiago facilitará os espazos, as instalacións e os bens municipais necesarios para o desenvolvemento da formación e das prácticas profesionais, ademais de colaborar na tramitación das autorizacións que correspondan.
Catro actuacións para aprender a conservar o patrimonio
O proxecto inclúe catro actuacións prácticas en diferentes puntos do municipio, nas que o alumnado poderá adquirir e desenvolver as habilidades propias do oficio da cantería a través de traballos de mantemento, recuperación e rehabilitación.
Unha das intervencións desenvolverase no lavadoiro e no muro de cachotería de Pontepedriña de Arriba, nas proximidades do Centro de Formación e da sede da Fundación Laboral da Construción, situada na antiga fábrica de curtidos. Neste espazo, recentemente rehabilitado e catalogado no Plan Xeral de Ordenación Municipal, realizaranse tarefas de mantemento e pavimentación, que permitirán iniciar as prácticas do alumnado.
Outra das actuacións levarase a cabo na fonte e nos muros de cachotería da Selva Negra, un espazo no que se traballará sobre elementos de pequena entidade e muros deteriorados para afondar nas técnicas de execución e reparación da cachotería.
O programa contempla tamén a recuperación da pontella sobre o río Sarela, un elemento de enxeñaría tradicional que permitía cruzar o río e que presenta un importante deterioro. A intervención permitirá traballar na recuperación das grandes laxas de pedra que conforman esta construción e contribuír á conservación deste elemento da paisaxe tradicional compostelá.
A cuarta actuación centrarase no lavadoiro de Cornes, un dos máis grandes e significativos dos existentes en Santiago de Compostela. Ademais dos traballos propios da cantería, o alumnado recibirá formación práctica relacionada coa rehabilitación de cubertas. Neste caso, o Consorcio de Santiago achegará os materiais necesarios para acometer a intervención na cuberta.
Estas actuacións permitirán que as persoas participantes se formen nun contexto real de traballo, aplicando os coñecementos adquiridos á conservación de elementos tradicionais e ao mantemento do patrimonio construído.