Os locais comerciais da Cidade Histórica aínda poden solicitar as novas axudas do Consorcio de Santiago

Axudas destinadas aos locais comerciais da Cidade Histórica
mércores, 7 Outubro, 2026

O Consorcio de Santiago lembra que continúa aberto ata o 13 de outubro o prazo para solicitar as axudas destinadas aos locais comerciais da Cidade Histórica, convocadas para incentivar o seu acondicionamento interior e favorecer a mellora da súa imaxe comercial e a súa integración na contorna. A convocatoria conta cun orzamento de 90.000 euros e contempla axudas de ata o 50 % dos gastos subvencionables, cun máximo de 10.000 euros por beneficiario. O gasto mínimo subvencionable é de 1.000 euros.

 

As axudas poden destinarse a actuacións de adecuación dos locais, incluíndo reformas e habilitación das instalacións para mellorar a súa imaxe comercial, a adquisición de mobiliario expositivo de uso exclusivo nas superficies de exposición e venda, así como reparacións simples, decoracións e ornatos que non modifiquen a estrutura construtiva do establecemento. Tamén son subvencionables os gastos destinados á substitución dos rótulos comerciais ou á mellora da súa conservación.

 

Para poder acollerse ás axudas, os establecementos deberán estar situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica e instalados en edificios cunha antigüidade superior aos dez anos, ademais de cumprir as determinacións do planeamento correspondente. Poderán solicitalas persoas autónomas, pequenas e medianas empresas, cooperativas, sociedades civís, comunidades de bens e outras unidades económicas sen personalidade xurídica que desenvolvan unha actividade comercial ou de servizos aberta ao público. Como xa ven sendo habitual, poderase solicitar unha visita técnica de asesoramento por parte do persoal da Oficina Técnica do Consorcio, sobre as posibilidades de mellora da adecuación do establecemento e dos seus rótulos.

 

Os locais comerciais constitúen unha parte esencial da vitalidade da Cidade Histórica, tanto pola súa contribución á actividade das rúas e prazas e á creación de emprego como pola súa función na configuración dun comercio de proximidade ao servizo da comunidade. Neste sentido, a convocatoria pretende contribuír ao mantemento e á mellora destes establecementos e incide, ao igual que o programa de rehabilitación e mantemento “Ter É Manter”, no obxectivo de coidar, conservar e poñer en valor a Cidade Histórica.