
O Consorcio de Santiago e Avarellos Editora presentaron este venres 25 de abril no Salón de Actos do colexio de San Paio a obra Desde San Paio de Antealtares. Historia, patrimonio e vida monástica, pertencente á Biblioteca de Divulgación do Consorcio e coordinada polos investigadores Miguel García-Fernández e Ricardo Pichel.
Na presentación os editores do volume estiveron acompañados pola alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín Rei; a madre Abadesa da Comunidade de San Paio, Almudena Vilariño Periáñez; o xerente do Consorcio de Santiago, José Antonio Domínguez; o director de Alvarellos Editora, Henrique Alvarellos Casas e o responsable de publicacións do Consorcio de Santiago,Juan Conde Roa.
Ao longo das páxinas de Desde San Paio de Antealtares. Historia, patrimonio e vida monástica reconstrúese a historia do mosteiro desde a súa etapa medieval como comunidade masculina até a súa refundación como mosteiro bieito feminino en 1499, máis tamén se ofrecen outras achegas sobre o seu patrimonio artístico, a complexidade do monaquismo feminino na Galicia medieval ou a relixiosidade popular impulsada por bieitos e bernardos. Ademais,saliéntase a riqueza do patrimonio documental conservado en Antealtares, así comoo alleado deste auténtico «arquivo de arquivos» mais igualmente fundamental para reconstruírmos a historia de institucións galegas como San Salvador de Sobrado de Trives ou asturianas como San Salvador de Corniana.
Un dos capítulos do volume céntrase no estudo —mais a reconstrución en 3D— das célebres catro columnas de Antealtares, que ilustran a propia portada do libro e que sosterían orixinalmente a arca funeraria do apóstolo Santiago. Actualmente dúas destas esculturas pétreas están en Madrid, no Museo Arqueológico Nacional, outra delas no Fogg Museum da Universidade de Harvard, en Boston, e a cuarta, perdida xa dende o século XIX.
Unha homenaxe necesaria
Na súa intervención, a alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín, salientou a importancia da obra para a comunidade de San Paio e a cidade de Santiago de Compostela, por ser unha "homenaxe a esta comunidade de mulleres que viven na nosa cidade das que teremos máis coñecemento grazas a este traballo colectivo".
Asemade, destacou o protagonismo no volume de sor Mercedes, quen foi a arquiveira de San Paio e responsable da conservación do arquivo monástico, da que considera que "o seu traballo dentro do mosteiro foi inmenso e a súa entrega a este valiosísimo arquivo que é tamén un tesouro de Santiago de Compostela merecía un recoñecemento".
Ensaio colectivo
Desde San Paio de Antealtares. Historia, patrimonio e vida monástica é unha obra colectiva que recolle os traballos de historia, patrimonio e vida monástica que doce investigadores ofrecen en homenaxe á Comunidade de San Paio de Altealtares e, nomeadamente, a quen foi a súa arquiveira durante moitos anos, sor Mercedes, responsable, en boa medida, da catalogación, conservación e apertura á comunidade investigadora do arquivo monástico de Antealtares.
Coordinado polos investigadores Miguel García-Fernández, do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Xunta de Galicia) e Ricardo Pichel, da Universidad de Alcalá, ambos membros colaboradores do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, o volume recolle os traballos dunha ducia de investigadores: Almudena Vilariño Periáñez, Francisco Javier Pérez Rodríguez, Concepción Burgo López, Miguel Ángel González García, Rodrigo Pousa Diéguez, Víctor Rodríguez Muñiz, Carlos J. Galbán Malagón, Domingo L. González Lopo, Ángela Franco Mata, Clara Elena Prieto Entrialgo, Alfonso García Leal e Enriqueta López Morán.