A Casa do Cabido acolle a exposición "As Moscoso. Mulleres con poder na Compostela baixomedieval"

venres, 12 Decembro, 2025

O Consorcio de Santiago inaugurou este venres 12 de decembro a exposición "As Moscoso. Mulleres con poder na Compostela baixomedieval", unha mostra que rescata e pon en valor o papel desempeñado na Galicia baixomedieval polas mulleres da liñaxe Moscoso e que se poderá visitar na Casa do Cabido ata o mes de febreiro. No acto de apertura asistiu a alcaldesa e presidenta do Consorcio, Goretti Sanmartín Rei, o xerente do organismo interadministrativo, José Antonio Domínguez, o comisario Miguel García-Fernández, o ilustrador Héitor Picallo e o responsable de exposicións do Consorcio, Juan Conde.

 

A mostra, comisariada polo historiador Miguel García-Fernández e con ilustracións orixinais do artista Héitor Picallo, ofrece un percorrido polo legado das Moscoso a través de paneis divulgativos, ampla bibliografía e reproducións de documentación medieval na que se reúnen unha gran selección de materiais conservados en diversos arquivos galegos e estatais, entre eles o Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela, o Arquivo Histórico Universitario de Santiago, o Arquivo Xeral de Simancas ou o Arquivo Histórico da Nobreza.

 

A través destes recursos expositivos, a mostra permite ao visitante achegarse á vida das mulleres da liñaxe dos Moscoso para coñecer ao seu papel na Compostela baixomedieval, a través as súas relacións sociais, económicas, políticas e culturais. Unha exposición coa que explorar a súa fonda pegada no patrimonio compostelán e galego.

 

A exposición, con acceso de balde, está aberta en horario de martes a sábados de 10:00 h a 14:00 h y de 16:00 h a 20:00 h y domingos de 11:00 h a 14:00 h.

 

Mulleres singulares

 

A exposición “As Moscoso. Mulleres con poder na Compostela baixomedieval” visibiliza o legado das Moscoso, unha liñaxe estreitamente ligada a Santiago de Compostela que se foi consolidando durante a Baixa Idade Media até ocupar no século XV un lugar privilexiado no cume da pirámide nobiliaria galega.


As mulleres desta liñaxe, lonxe dos estereotipos sobre as mulleres medievais, tiveron un notable protagonismo público no seu tempo, sustentado en boa medida na súa condición de propietarias e xestoras de bens. Foron mulleres que encabezaron centros relixiosos como Santa Clara de Santiago; que actuaron como procuradoras e titoras de institucións e persoas; que comezaron ou fixeron fronte a diversos preitos; e que ampararon ou promoveron diversas obras, entre outros moitos feitos.


Mulleres como a abadesa Dona Teresa Sánchez de Moscoso, con actividade xurídica e económica; ou Dona Aldonza de Acevedo, muller instruída e autónoma que se casou con Lopo Sánchez de Moscoso e que morreu en 1491 nun posible suicidio; ou Dona Xoana de Castro, que protagonizou xunto a Dona Catalina de Fonseca un importante enfrontamento entre bandos nobiliarios rivais no século XV.


Referentes femininos silenciados


Na súa intervención, a alcadesa e presidenta do Consorcio de Santiago, fixo fincapé na importancia de dar voz ás mulleres silenciadas, a mulleres "que tiveron un papel importante na sociedade compostelá daquela época e das que practicamente non se sabe nada".


Goretti Sanmartín fixo un chamamento a cidadanía galega para achegarse a este espazo e así que "coñezan un pouco máis dunha liñaxe que non debemos esquecer, por que así conseguiremos avanzar no que significan as mulleres a máis medio e longo prazo para o noso futuro inmediato". Ademais, agradeceu a o gran traballo de investigación do comisario Miguel García-Fernández, así como as fermosas ilustracións de Héitor Picallo.


Comisario


O comisario da mostra, Miguel García-Fernández (As Guístolas, 1988), é licenciado en Historia coas especialidades de historia medieval e historia moderna. Actualmente é Titulado Superior de Actividades Técnicas e Profesionais no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento do CSIC.


As súas investigacións céntranse na historia social das mulleres durante a Idade Media, tendo en curso unha tese sobre a posición das mulleres na sociedade medieval galega entre 1100 e 1550. Ten participado en diferentes congresos nacionais e internacionais e publicou diversos traballos en revistas e obras colectivas, especialmente sobre a historia medieval de Galicia, a historia das mulleres e a documentación medieval galega. Foi coordinador no 2023 da obra "Desde San Paio de Antealtares. Historia, patrimonio e vida monástica", coeditada polo Consorcio de Santiago xunto a Alvarellos Editora, na cal reconstrúese a historia do mosteiro desde a súa etapa medieval como comunidade masculina até a súa refundación como mosteiro bieito feminino en 1499, máis tamén se ofrecen outras achegas sobre o seu patrimonio artístico, a complexidade do monaquismo feminino na Galicia medieval ou a relixiosidade popular impulsada por bieitos e bernardos.