O Consorcio de Santiago abre a primeira convocatoria de axudas para mellorar a competitividade e a imaxe dos locais comerciais da Cidade Histórica

Axudas dirixidas aos locais comerciais da Cidade Histórica
venres, 11 Setembro, 2026

O Consorcio de Santiago abre o sábado 12 de setembro a primeira convocatoria de axudas dirixida aos locais comerciais da Cidade Histórica, destinada a incentivar o seu acondicionamento interior e favorecer a mellora da súa imaxe comercial e a súa integración na contorna. A convocatoria conta cun orzamento de 90.000 euros, e os gastos subvencionables deberán alcanzar un mínimo de 1.000 euros, mentres que a contía máxima da axuda será de 10.000 euros por beneficiario. O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o 13 de outubro.

 

A convocatoria, correspondente ao exercicio 2026, ten como finalidade fomentar e mellorar a actividade desenvolvida nos locais comerciais da Cidade Histórica das clases I e III. As axudas están dirixidas a persoas traballadoras autónomas, pequenas e medianas empresas, cooperativas, sociedades civís, comunidades de bens e outras unidades económicas sen personalidade xurídica que desenvolvan unha actividade comercial ou de servizos aberta ao público nun establecemento permanente situado neste ámbito.

 

O Consorcio de Santiago considera os locais comerciais como unha parte fundamental da vitalidade da Cidade Histórica, polo seu papel na actividade das rúas e prazas, na creación de emprego e na configuración dun comercio de proximidade ao servizo da comunidade. Neste sentido, a convocatoria busca apoiar o mantemento e a mellora dos locais comerciais da Cidade Histórica, compartindo co programa de rehabilitación e mantemento Ter É Manter o obxectivo de coidar, conservar e poñer en valor a Cidade Histórica.

 

Actuacións subvencionables

 

As axudas poderán destinarse a actuacións de adecuación dos locais, incluíndo gastos de reforma e habilitación das instalacións para mellorar a imaxe comercial, así como á adquisición de mobiliario expositivo necesario para o desenvolvemento da actividade e de uso exclusivo nas superficies de exposición e venda. Tamén se contemplan reparacións simples, decoracións e ornatos que non modifiquen a estrutura construtiva do establecemento. As actuacións deberán estar directamente relacionadas coa actividade comercial desenvolvida no establecemento e resultar necesarias para a súa execución.

 

No caso dos rótulos e da imaxe comercial, serán subvencionables os gastos destinados á súa substitución ou á mellora da súa conservación. Estas actuacións deberán respectar a normativa urbanística e o Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica e integrarse na contorna urbana sen xerar impactos visuais discordantes.

 

Locais e actividades que poden acollerse

 

Os establecementos deberán estar situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica, estar instalados en edificios cunha antigüidade superior aos dez anos e cumprir as determinacións do planeamento correspondente.

 

Como xa ven sendo habitual, poderase solicitar unha visita técnica de asesoramento por parte do persoal da oficina técnica do Consorcio, sobre as posibilidades de mellora da adecuación do establecemento.

 

Entre as actividades incluídas atópanse o comercio polo miúdo de alimentación especializada, moda, calzado, complementos, fogar, decoración, agasallo, papelería, librarías, artesanía e produtos locais; o comercio cultural, como librarías ou galerías de arte; servizos persoais e de atención directa ao público, como salóns de peiteado, centros de estética, tinturarías, lavandarías, reparacións, talleres de reparación de bens de uso persoal, ademais doutras actividades de prestación de servizos con atención presencial.

 

Máis información sobre a convocatoria aquí.