O Consorcio de Santiago adxudicou á empresa VICENTE DE LA FUENTE, S.L. as obras de restauración da porta principal de acceso á igrexa de Santa María de Conxo e da porta interior de acceso á Capela do Cristo, por un importe de 49.734,15 euros, IVE incluído.
A intervención ten como obxectivo garantir a conservación de dous elementos singulares deste conxunto patrimonial, afectados polo paso do tempo, o uso continuado e as condicións ambientais.
Na porta principal da igrexa, os traballos permitirán corrixir os desaxustes que dificultan a apertura, reparar os elementos de madeira deteriorados e restaurar as ferraxes e pezas de forxa, conservando os materiais orixinais e mellorando as súas condicións funcionais e de conservación.
Pola súa banda, na porta interior de acceso á Capela do Cristo recuperarase a parte inferior do cerramento, afectada polas modificacións realizadas no pavimento durante intervencións anteriores. Para iso, incorporaranse novos elementos de madeira de castiñeiro e repararanse as pezas danadas.
As portas retiraranse para a súa restauración en taller e, unha vez rematados os traballos, volverán colocarse nos seus respectivos accesos.
Conservación do patrimonio e dos oficios tradicionais
Con esta actuación, o Consorcio de Santiago continúa impulsando intervencións destinadas á conservación e posta en valor do patrimonio histórico, artístico e arquitectónico da cidade. Os traballos contribuirán tamén á preservación e transmisión dos oficios tradicionais vinculados á carpintería, á forxa e á restauración de bens culturais.
