O Consorcio de Santiago adxudicou as obras de reparación da estrutura de madeira e eliminación de humidades da Quinta dos Fuentes, en Vidán, á empresa REHABILITACIONES TÉCNICAS Y CONSTRUCCIONES COMPOSTELA, S.L.U. (RETECO, S.L.U.), por un importe de 104.472,78 euros, IVE incluído.
Os traballos centraranse na reparación e no reforzo da estrutura de madeira do inmoble, especialmente dos pontóns de castiñeiro do forxado da planta alta, que presentan importantes deformacións, así como de dúas trabes de madeira situadas na torre. As solucións previstas serán compatibles co sistema construtivo orixinal do edificio.
A actuación permitirá tamén mellorar as condicións de conservación do inmoble mediante a redución das humidades e a prevención de novas filtracións. Para iso, mellorarase a estanquidade da cuberta, renovaranse os canlóns e as baixantes, repararanse os encontros construtivos e instalarase unha drenaxe na parte posterior do edificio.
Ademais, colocaranse novas carpintarías exteriores na torre para mellorar o illamento térmico e acústico, instalaranse proteccións de vidro nos balcóns que aínda non dispoñen delas e reorganizarase o sebe do xardín para facilitar o uso da planta baixa, respectando a composición do espazo.
Un inmoble vinculado á historia de Vidán
A Quinta dos Fuentes, coñecida historicamente como Casa de Brandía, ten a súa orixe a finais do século XVIII e formou parte dun complexo industrial vinculado a unha antiga fábrica de curtidos situada nas marxes do río Sar.
Na actualidade, o inmoble é empregado como Centro Sociocultural pola Asociación de Veciños de Vidán, que o utiliza como centro para desenvolver a súa actividade social e comunitaria. A intervención permitirá mellorar o seu estado de conservación e favorecer o mantemento deste espazo de uso veciñal.
