Un libro reúne fotografías en 3D das obras realizadas por Domingo de Andrade en Bonaval

xoves, 14 Xaneiro, 2021

O Consorcio de Santiago e o Museo do Pobo Galego publican Andrade en Bonaval, con imaxes en 3D do fotógrafo Juan Feáns e texto introdutorio de María Xosé Fernández Cerviño. Este libro sae á luz con motivo da conmemoración do Día das Artes Galegas 2020, impulsado pola Real Academia Galega de Belas Artes, dedicado ao arquitecto, entallador e imaxineiro Domingo de Andrade (Cee, 1639 – Santiago de Compostela, 1712). Trátase dunha selección de fotografías en 3D da obra de Andrade no edificio de San Domingos de Bonaval, que acolle o Museo do Pobo Galego.

 

O magnífico legado de Domingo de Andrade esténdese por toda Galicia pero é na cidade de Santiago de Compostela onde o arquitecto realiza a parte fundamental da súa obra, chegando a ser mestre de obras da catedral. En Compostela son da súa autoría o remate da Torre do Reloxo da catedral ou a remodelación da fachada do Pórtico da Gloria, a Casa da Parra, a capela da Orde Terceira de San Francisco, Casas Consistoriais… No caso do convento de San Domingos de Bonaval, declarado Ben de Interese Cultural, sobresae a incomparable tripla escaleira helicoidal -restaurada polo Consorcio de Santiago entre os anos 2016 e 2017- e tamén o seu claustro, entre outras intervencións.

 

A través desta obra gráfica preténdese contribuír á divulgación dos aspectos máis sobresaíntes da intervención de Domingo de Andrade no edificio que alberga o Museo do Pobo Galego. Tal como indica María Xosé Fernández Cerviño, a vinculación de Andrade co convento de San Domingos de Bonaval veu da man do frade dominico Antonio de Monroi e Híjar, arcebispo de Santiago entre 1685 e 1715, quen lle encarga a grande obra de remodelación de Bonaval, xunto á ampliación do recinto conventual, creando a imaxe do edificio que chega ata os nosos días.

 

Con esta publicación búscase poñer en valor a obra do arquitecto barroco máis importante da súa época, a través da súa pegada no conxunto de San Domingos de Bonaval. O libro inclúe, ademais de fotografías en 3D -con gafas para poder contemplalas-, as mesmas fotografías en formato bidimensional, planos do edificio, debuxos de diferentes elementos arquitectónicos creados por Andrade, así como citas de varios autores en relación a cada unha das obras fotografadas.