Rematan as obras na capela de Santas Mariñas do Sar

martes, 27 Outubro, 2020

O Consorcio de Santiago vén de rematar as obras de mantemento na capela de Santas Mariñas do Sar, por un importe global de 52.959,28 euros. O responsable deste proxecto é o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio Pablo Tomé. Explica que a actuación encamiñouse á realización das tarefas de reconstrución do tellado, renovación da pintura das fachadas e renovación da drenaxe exterior dos muros.

 

O arquitecto indica que “a capela mantíñase, en xeral, en bo estado, agás a parte caída do tellado na cornixa da fachada norte. Ademais, o inmoble presentaba pequenas alteracións na súa envolvente”. Así, o contorno do óculo que hai na parte central da fachada amosaba unha importante mancha de humidade producida pola mala evacuación da auga da espadana e da ventá oval. As partes baixas dos muros das fachadas tiñan tamén manchas de humidade, como consecuencia do mal estado da drenaxe e do salpiqueo da auga da chuvia. As fachadas necesitaban renovar a pintura e o muro de contención á rúa ten un revestimento de madeira que precisaba dunha limpeza e restauración.

 

As intervencións realizadas

 

O arquitecto do Consorcio sinala que, entre as intervencións realizadas, levouse a cabo a limpeza e restauración das partes de pedra das catro fachadas e da espadana, xunto á renovación da pintura. Tamén se pintaron as carpinterías exteriores de madeira e o interior da capela.

 

Revisouse o tellado, percorrendo a cuberta e reparando, ao mesmo tempo, as partes en mal estado. Colocouse unha gárgola para favorecer a evacuación da auga da chuvia no encontro entre a fachada sur e a sancristía. Así mesmo, impermeabilizáronse tanto a base da espadana como a parte inferior do óculo da fachada principal.

 

Por outro lado, renovouse a drenaxe, que estaba tupida. Ademais, modificouse a altura do pasamáns de subida na escaleira de acceso dende a rúa. Restaurouse o revestimento de madeira do muro á rúa e limpouse o muro da fonte, ao tempo que se levou a cabo o acondicionamento xeral do terreo da parcela e se plantou un olivo. Por último, construíronse casetas para aves e morcegos no tellado, co fin de que poidan aniñar, tal como ten feito o Consorcio de Santiago noutras intervencións.