A Casa do Cabido acolle a exposición “Des_facendo o xénero (a través da arte)”

xoves, 13 Febreiro, 2020

A Casa do Cabido acolle a exposición ”Des_facendo o xénero (a través da arte)”. É unha mostra colectiva e interdisciplinar, artellada sobre a idea das identidades de xénero como construción social e sobre os mecanismos que pode aportar a creación artística para romper con elas.

 

É unha iniciativa coordinada pola comisaria da exposición, Begoña Álvarez Seijo, membro do grupo de investigación Iacobus da Universidade de Santiago de Compostela; Ana Castro, directora de Galantiqua Arte y Antigüedades; e María Eiras, directora de Mareiras Espacio de Arte; en colaboración co Consorcio de Santiago.

 

Artistas e escritoras compostelás ou comprometidas coa cidade

 

A través da obra de artistas e escritoras compostelás ou que desenvolven a súa actividade na cidade de Santiago, preténdese visibilizar como mediante a produción artística se pode tratar de repensar os construtos de xénero cultural e socialmente impostos: modos de comportamento, roles sociais, actitudes que axudan a asentar unhas determinadas identidades binarias (home/muller, heterosexual/homosexual, normal/diferente…), que    -segundo as promotoras desta proposta- “non son máis que o resultado dun proceso educativo que conduce a asumir como naturais e inherentes a un mesmo uns patróns estéticos e de comportamento concretos”.

 

Nesta exposición amósase a obra plástica (pintura, debuxo, escultura, fotografía…) de dez artistas: Óscar Aldonza, Xoana Almar, Thomas Apostolou, Belén Chorén, María Eiras, Carlota de Leal, Pablo Martínez, Monica Mura, João Pires e Neves Seara. E os textos literarios de tres escritoras: Alicia Díaz, Silvana Lameiro e Patricia Meira. A través deste percorrido preténdese facer un chamamento á reflexión sobre a necesidade de romper socioculturamente co proceso de construción das identidades sociais normativas.

 

A arte como chave para abrir as gaiolas que constrúen o xénero

 

“Todas as persoas son diferentes. Visibilizando a diversidade, a arte pode converterse nunha das chaves que abra as gaiolas que constrúe o xénero” -explica a comisaria-. “Des_facendo o xénero (a través da arte) é unha exposición feminista, unha exposición de arte comprometida que, como manifestación cultural, debe transmitir á sociedade a necesidade de divorciarse das desigualdades, na procura dun futuro máis libre e xusto” -resaltan as promotoras do proxecto-.

 

Así, esta mostra emerxe coma un intento particular dun grupo de persoas que queren aportar a súa arte para que esa revolución social poida acontecer e teña á produción artística como ferramenta ao seu servizo. “Unha exposición que, desde o amor ás diferenzas, non deixará indiferente a ninguén” -aseguran-.

 

Horarios da exposición

 

A exposición poderá visitarse na Casa do Cabido de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns a Casa do Cabido está pechada ao público.