Axudas á rehabilitación de carpinterías de madeira e reixas. Convocatoria 2018

O Consorcio destinará 150.000 euros en axudas para a rehabilitación de carpinterías de madeira e reixas dos inmobles situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica. Con esta iniciativa búscase mellorar a eficiencia enerxética das vivendas, co consecuente aforro económico para os cidadáns, e mellorar o seu illamento acústico.

 

¿Que se subvenciona?

 

Estas axudas están destinadas a fomentar a rehabilitación, restauración ou reposición daqueles elementos especiais e de interese arquitectónico de madeira como galerías, ventás e portas de entrada aos edificios; e promover a restauración das reixas e pezas de ferro existentes en portais, ventás e balcóns. E, por último, inclúe a reparación das pedras de soporte deterioradas e das unións aos muros por medio de enchumbados.

 

Beneficiarios

 

Poderán beneficiarse destas axudas as persoas propietarias, arrendatarias ou aquelas que ostenten algún dereito de uso sobre os inmobles; así como as comunidades de propietarios. Os inmobles deberán reunir as condicións suficientes de seguridade estrutural e ser estancos fronte á chuvia, ademais de ter unha antigüidade superior a 20 anos.

 

Requisitos para acceder ás axudas

 

Á hora de avaliar as solicitudes, terán especial consideración os inmobles afectados por contaminación acústica, situados nas zonas declaradas “saturadas de ruído” polo Concello de Santiago; sempre que coa intervención se consiga unha mellora do illamento acústico do inmoble. Trátase das rúas da Conga, Bispo Xelmírez, San Paio de Antealtares, San Bieito, Vía Sacra, Algalia de Abaixo, Entremuros, Troia, Travesa, praza da Algalia de Abaixo, Cantón de San Bieito, Travesa de San Paio de Antealtares, Fonte Sequelo, praza de Feixoo e rúa de Abril Ares.

 

                


 

O nivel de ingresos da unidade de convivencia tamén ten relevancia especial nesta convocatoria. Ademais, primarase a incorporación de novos solicitantes, así como a superficie en metros cadrados de carpinterías de madeira ou de reixas. Valorarase o nivel de catalogación ou de interese arquitectónico do edificio ou vivenda e dos elementos singulares sobre os que se actúe. E, por último, darase preferencia aos inmobles destinados a vivenda e con ocupación permanente. 

 

Estudo enerxético

 

O Consorcio realizará un estudo da demanda enerxética e medirá as condicións ambientais antes e despois de cada intervención. A finalidade é detectar o grao de eficiencia enerxética e o nivel de confort ambiental interior conseguido trala actuación sobre as carpinterías de madeira. Os beneficiarios destas axudas están obrigados a permitir o desenvolvemento destes estudos e medicións, que non lles suporán ningún custo.

 

Prazo de presentación

 

Os propietarios interesados en concorrer a esta convocatoria deberán presentar as solicitudes e a documentación pertinente no rexistro do Consorcio de Santiago ou en calquera outro rexistro. A data límite é o día 19 de febreiro de 2018. Para consultar dúbidas, deberán acudir ás dependencias da Oficina Técnica do Consorcio, situada no número 59 da rúa do Vilar.

 

  

 

Sistema Nacional de Publicidad de Subvenciones