Axudas á rehabilitación de carpinterías de madeira e reixas. Convocatoria 2017

O Consorcio destinará 150.000 euros en axudas para a rehabilitación de carpinterías de madeira e reixas dos inmobles situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica. Con esta iniciativa búscase mellorar a eficiencia enerxética das vivendas, co consecuente aforro económico para os cidadáns, e mellorar o seu illamento acústico.

 

¿Que se subvenciona?

 

Estas axudas están destinadas a fomentar a rehabilitación, restauración ou reposición daqueles elementos especiais e de interese arquitectónico de madeira como galerías, ventás e portas de entrada aos edificios; e promover a restauración das reixas e pezas de ferro existentes en portais, ventás e balcóns. E, por último, inclúe a reparación das pedras de soporte deterioradas e das unións aos muros por medio de enchumbados.

 

Beneficiarios

 

Poderán beneficiarse destas axudas as persoas propietarias, arrendatarias ou aquelas que ostenten algún dereito de uso sobre os inmobles; así como as comunidades de propietarios. Os inmobles deberán reunir as condicións suficientes de seguridade estrutural e ser estancos fronte á chuvia, ademais de ter unha antigüidade superior a 20 anos.

 

Requisitos para acceder ás axudas

 

Á hora de avaliar as solicitudes, terán especial consideración os inmobles afectados por contaminación acústica, situados nas zonas declaradas "saturadas de ruído". Tamén se valorará o nivel de ingresos da unidade de convivencia. Primarase a incorporación de novos solicitantes, así como a superficie en metros cadrados de carpinterías de madeira ou de reixas. Tamén se valorará o nivel de catalogación ou de interese arquitectónico do edificio ou vivenda e dos elementos singulares sobre os que se actúe. E, por último, darase preferencia aos inmobles destinados a vivenda e con ocupación permanente.

 

Estudo enerxético

 

O Consorcio realizará un estudo da demanda enerxética e medirá as condicións ambientais antes e despois de cada intervención. A finalidade é detectar o grao de eficiencia enerxética e o nivel de confort ambiental interior conseguido trala actuación sobre as carpinterías de madeira. Os beneficiarios destas axudas están obrigados a permitir o desenvolvemento destes estudos e medicións, que non lles suporán ningún custo.

 

  

 

CONVOCATORIA 2017

Sistema Nacional de Publicidad de Subvenciones (SNPS)